4 jun 2010

MANIFESTACIÓN CONTRA AS MEDIDAS ANTISOCIAIS DO GOBERNO


Contra as últimas medidas impostas polo goberno a golpe de Decreto Lei –empurrado polos seus socios
europeos e polas circunstancias ás que eles mesmos nos levaron‐ chegou a hora de plantarse e dicir basta!

Somos todos os traballadores e traballadoras, do sector privado e máis do sector público: os millóns de
parados, os pensionistas, as persoas dependentes, os traballadores en precario, autóctonos ou inmigrantes… Son as clases populares quen estamos agora mesmo abocados a unha brutal agresión dos
mercados, ou sexa do capital:

• Conxelación das pensións para o 2011. Salvo as non contributivas, todas as pensións conxelaranse no 2011. Namentres o goberno protexe aos bancos, os seus directivos e membros  dos consellos de administración asegúranse pensións de máis de 50 millóns de euros anuais.

• Eliminación da retroactividade nas prestacións por dependencia. Establécese a posibilidade de  aprazar ata un máximo de 5 anos o pago dos dereitos de retroactividade xerados ata o de agora.

• Rebaixa dos soldos dos empregados públicos nun 5% de media para este ano e conxelación no  2011, agredindo aos traballadores nun concepto que ata agora era intocable: os salarios; e  provocando que a patronal xa pida nos convenios redución de soldos.

• Taxa de reposición de efectivos na Administración Pública de un 10% para 2011, 2012 e 2013.  Adeus á creación de emprego público e empurrón á privatización dos servizos públicos.

• Aplicación de acordos de indispoñibilidade para a inversión en infraestruturas en 2010 e 2011. Redución de un 25% no resto de inversións no período 2011‐2013. Acabouse a inversión do “Plan  Ñ” e, con iso, tamén a creación indirecta de emprego polo Estado.

Estas medidas indican que o obxectivo é outro moi distinto do que pregoa o goberno, posto que ningunha delas dinamizará a economía, nin reducirá o paro, nin mellorará as condicións de vida da meirande parte dos cidadáns. Por contra, acentuará a recesión e empobrecerá aínda máis ás clases desfavorecidas. O certo é que este “plan de axuste” pretende directamente garantirlles aos bancos –verdadeiros propietarios da débeda‐ o cobro da mesma a un interese desorbitado, reducir os servizos públicos para a súa privatización, recortar os dereitos dos traballadores e erosionar as conquistas  sociais.

A única resposta posible é a mobilización de toda a sociedade a prol de unha Folga Xeral que impida os recortes laborais e sociais e paralice as medidas de axuste do goberno que rouban no peto dos máis pobres para engordar as ganancias da banca e máis da patronal.

TRABALLADOR, TRABALLADORA: A MOBILIZACIÓN É IMPRESCINDIBLE
NINGUNHA AGRESIÓN SIN RESPOSTA