O goberno actual está preparando a modificación da lexislación sobre
as pensións. Non contento coa reforma de pensións aprobada polo PSOE,
que elevou a idade ordinaria de xubilación ata os 67 anos, o PP,
alegando que o sistema non é sostible, seguindo o ditado dos poderes
financeiros e dos intereses do capitalismo máis ruín e cobizoso,
pretende aprobar unha reforma que supón o inicio do desmantelamento do
sistema público de pensións e dará entrada, dunha forma definitiva, aos
intereses privados, que pretenden facer negocio coas necesidades básicas
da poboación.
A reforma que pretenden, baseada en mentiras coas que nos intoxican
continuamente, non só adianta a entrada en vigor do retraso na idade de
xubilación, senón que, ademais, endurece os requisitos para ter dereito a
unha pensión e modifica o cálculo dos importes aos que se terá dereito.
Finalmente, as pensións –tamén as actuais- non se revalorizarán tendo
en conta o custo da vida senón que dependerán da situación económica, é
dicir, da vontade directa do goberno.
A consecuencia directa será que as pensións públicas pasarán a ser de
mera subsistencia e caridade nun corto prazo e os que poidan terán que
recorrer aos plans privados de pensións, que están ao alcance de moi
poucos.
A sociedade ten a obriga de soster a aqueles que, coma os xubilados,
xa aportaron o seu traballo para o benestar común e cotizaron durante
moitos anos, e non se pode tolerar que se queira converter a estas
persoas nunha carga para os seus parentes e amigos. Unha sociedade
minimamente xusta e solidaria ten a obriga de garantir unha vida digna
para aqueles que deron o seu esforzo durante a súa vida.
Mentres o pobo está espremido con impostos, con baixas xerais de
salarios e prestacións, con millóns de parados, con perdas de vivendas,
co desmantelamento dos servizos públicos, observamos cómo a chamada
democracia é un sistema de corrupción xeralizada. É hora de sacalos das
súas poltronas de ouro e de recuperar o que nos están roubando desde
esta democracia de pacotilla.
A CGT fai un chamamento á poboación a que non se resigne, a
que non acepte e loite en contra dos plans do goberno, e que reivindique
unhas pensións públicas, suficientes na súa contía de xeito que
garantan unha vida economicamente independente e que permitan afrontar a
vida con dignidade.