A CGT da Coruña ten convocado, conxuntamente coa CUT, unha manifestación para o vindeiro Primeiro de Maio, que partirá da Praza de Pontevedra, ás 12:30 horas.
“O 1º de Maio é o Día Internacional da clase traballadora, un día
de loita da clase á que pertencemos, un día para sentirnos da mesma
clase social, empregados ou non, xoves, pensionistas, emigrantes,
estudantes, afectados polos desafiuzamentos, excluídos, despoxados … O
1º de Maio é un día para reivindicar nas rúas a defensa da nova
sociedade que cremos, baseada na liberdade e na xustiza social.
Este 1º de Maio de 2013 é o quinto consecutivo que vivimos tras o
estalido desta chamada crise do sistema capitalista provocada
conscientemente polo poder, por políticos corruptos, polos ricos e
especuladores donos da banca, da grande patronal, das multinacionais.
Conducíronnos a unha situación de emerxencia social. Crearon seis
millóns de parados, rebaixaron os salarios, négannos o dereito ao
traballo, a un convenio colectivo, recortan os gastos sociais,
privatizan a sanidade, a educación, reducen a protección social, fannos
pagar unha débeda ilexítima, privatizan as grandes empresas, os servizos
públicos, rebaixan as pensións, todos os dereitos os converten en
negocios … e todo isto grazas a unha clase política inmoral, corrupta,
fieis axentes locais do capitalismo máis voraz e cobizoso.
Non podemos seguir aturando estes ataques. Habemos de ser nós
quen demos as solucións dende a autoxestión, poñendo en marcha proxectos
e accións que deteñan as agresións e que nos conduzan a unha nova
sociedade que dea prioridade ás necesidades das persoas fronte aos
mercados económicos e financeiros.
Dende a CGT dicimos que non podemos seguir resignados ante o
drama do paro e propoñemos dar un paso adiante coa ocupación das
empresas que pechan, sendo os traballadores quen as xestionen e reciban o
financiamento e asesoramento público que agora se destina para
pechalas.
Fronte o paro propoñemos o reparto do traballo e da riqueza:
reducindo a xornada laboral, adiantando a idade de xubilación, para
poder traballar todas e todos, e que a sanidade, a educación e a
protección social sexan de calidade, públicas e universais.
Non podemos seguir resignados ante un sistema político e social
imposto polo capitalismo que consegue levarnos a situacións de fame,
violencia, desesperación e á destrución da vida no planeta.
Dende a CGT propoñemos loitar, ocupar as rúas e os espazos
públicos, promovendo unha mobilización permanente contra o sistema para
que a clase obreira sexa a verdadeira protagonista da nova sociedade que
queremos, unha sociedade de igualdade e xustiza social. Unha sociedade
libertaria.
Este é o único camiño: a autoxestión. Non hai volta atrás