27 nov 2013

Concentracións contra os despedimentos en Atento na Coruña: Rebélate contra o medo!!

O pasado venres Atento despediu de forma desprezable tres compañeiras do 1004, faltándolles ao respecto e á súa dignidade ao pretender xustificar o seu despedimento pola falta de vendas nos dous últimos meses.

Poñédevos na pel dunha compañeira que foi premiada pola empresa polas súas vendas e aos poucos días, estando de vacacións, se encontra cun burofax que lle comunica o seu despedimento disciplinario por non vender… Esquézete das vendas e imaxina que mañá che despiden a ti; porque transferiches máis chamadas das que debías, ou porque non ofreces produtos en todas as chamadas, ou porque o teu TMO é demasiado alto ou polas túas notas de calidade.

Atento sementa o pánico, lanza a mensaxe escollendo tres vítimas, sen que lle importen as circunstancias nin a indemnización que terán que pagar. O medo sempre é rendible, salvo que lles demostremos o contrario: non permitamos que prenda a súa mensaxe, defendámonos das súas agresións e abusos, sexamos solidarios e solidarias coas compañeiras e compañeiros á vez que nos fortalecemos entre todos e todas facendo fronte común. Saiamos á rúa a denunciar publicamente os ataques de Telefónica e Atento aos nosos dereitos. Fagamos unha protesta maioritaria para amosarlles que non nos van achicar nin oprimir coas súas agresións e desprezos. Fagámoslles fronte. Entre todos e todas.

Animamos a todos os traballadores e traballadoras a participaren nas concentracións convocadas polo comité de empresa mañá, 28 de novembro, ás 12 e ás 20 horas.

CONTRA A SÚA POLÍTICA DO MEDO, POLA DIGNIDADE NO NOSO TRABALLO.
SE TOCAN A UN, SE TOCAN A UNHA, TÓCANNOS A TODOS E TODAS.


Sección Sindical de CGT en Atento na Coruña