29 jul 2013

A CGT se mobiliza contra os saqueo das pensións



O goberno actual está preparando a modificación da lexislación sobre as pensións. Non contento coa reforma de pensións aprobada polo PSOE, que elevou a idade ordinaria de xubilación ata os 67 anos, o PP, alegando que o sistema non é sostible, seguindo o ditado dos poderes financeiros e dos intereses do capitalismo máis ruín e cobizoso, pretende aprobar unha reforma que supón o inicio do desmantelamento do sistema público de pensións e dará entrada, dunha forma definitiva, aos intereses privados, que pretenden facer negocio coas necesidades básicas da poboación.
A reforma que pretenden, baseada en mentiras coas que nos intoxican continuamente, non só adianta a entrada en vigor do retraso na idade de xubilación, senón que, ademais, endurece os requisitos para ter dereito a unha pensión e modifica o cálculo dos importes aos que se terá dereito. Finalmente, as pensións –tamén as actuais- non se revalorizarán tendo en conta o custo da vida senón que dependerán da situación económica, é dicir, da vontade directa do goberno.
A consecuencia directa será que as pensións públicas pasarán a ser de mera subsistencia e caridade nun corto prazo e os que poidan terán que recorrer aos plans privados de pensións, que están ao alcance de moi poucos.
A sociedade ten a obriga de soster a aqueles que, coma os xubilados, xa aportaron o seu traballo para o benestar común e cotizaron durante moitos anos, e non se pode tolerar que se queira converter a estas persoas nunha carga para os seus parentes e amigos. Unha sociedade minimamente xusta e solidaria ten a obriga de garantir unha vida digna para aqueles que deron o seu esforzo durante a súa vida.
Mentres o pobo está espremido con impostos, con baixas xerais de salarios e prestacións, con millóns de parados, con perdas de vivendas, co desmantelamento dos servizos públicos, observamos cómo a chamada democracia é un sistema de corrupción xeralizada. É hora de sacalos das súas poltronas de ouro e de recuperar o que nos están roubando desde esta democracia de pacotilla.
A CGT fai un chamamento á poboación a que non se resigne, a que non acepte e loite en contra dos plans do goberno, e que reivindique unhas pensións públicas, suficientes na súa contía de xeito que garantan unha vida economicamente independente e que permitan afrontar a vida con dignidade.